Podes participar como voluntario no Xacobeo axudando aos peregrinos en calquera dos nove camiños a Santiago PDF Imprimir
Luns, 24 Maio 2010 15:59
voluntariadoO voluntariado do Xacobeo xa se ten comezado a despregar ao longo do territorio galego. En concreto, na provincia de Lugo hai _ata o momento- 94 voluntarios locais inscritos neste programa, co fin de informar e atender aos peregrinos. Ademais, en Palas de Rei organizarase un campo de traballo pioneiro centrado no Camiño de Santiago, que constitúe unha das principais novidades das actividades deste ano. Así o explicaron hoxe en rolda de prensa o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias. Ambos representantes autonómicos resaltaron a importancia das actividades de voluntariado neste ano Xacobeo.

Rodeiro sinalou que o programa para voluntarios abrangue un gran "abano de idades, que ten como único límite a maioría de idade", ademais dunha ampla diversidade de actividades e de orixe dos propios voluntarios, "aínda que o maior continxente estará formado pola xente das nosas vilas e aldeas". Este gran esforzo reflíctese en que, por primeira vez, haberá presenza efectiva dos voluntarios nos nove camiños de Santiago, con especial atención ao Camiño Francés, por ser o de maior afluencia.

O director xeral de Xuventude explicou que o voluntariado se divide en diversos eidos: voluntariado local, da sabedoría, campos de traballo no Camiño, voluntariado sanitario, e proxecto Eu Camiño. No que se refire ao voluntariado local, destacou que en toda Galicia xa hai 300 voluntarios distribuídos nos puntos de información fixos desde a Semana Santa.

Os puntos de información fixos que se atopan en Lugo sitúanse nos seguintes lugares: Cebreiro, Triacastela, Sarria, Portomarín e Palas de Rei (Camiño Francés); Ribadeo e Vilalba (Camiño Norte); e Lugo polo Camiño Primitivo.

A estes participantes, hai que sumarlle aos preto de 100 maiores de 65 anos que se despregarán nos meses de verán nos Camiños. O "voluntariado da sabedoría" contará aos peregrinos as súas experiencia e vivencias, a través de lendas, contos, cantigas e historias que coñezan. Actualmente, estase a traballar con eles para a organización destas actividades.

Campos de traballo
Unha das principais novidades das actividades do Xacobeo neste ano é a organización de campos de traballo que estarán centrados, por primeira vez, no camiño de Santiago. Un deles terá lugar en Palas de Rei, onde os participantes organizarán actividades de animación sociocultural.

Arias precisou que en Palas de Rei organizaranse dúas quendas nos meses de xullo e agosto.

O campo de traballo ocuparase da rehabilitación e recuperación do entorno natural da lagoa de San Xulián do Camiño, e colocarán a sinalización e mobiliario axeitado, segundo explicou a delegada territorial.

Ademais, estes mozos e mozas participarán nos proxecto "Preto de Palas" que consistirá en acompañar aos peregrinos que así o queiran a coñecer os arredores da localidade, a través de rutas guiadas en bicicletas, nas que visitarán monumentos como o Castelo de Pambre ou o Mosteiro de Vilar de Donas.

O prazo de inscrición para esta actividade está aberta desde o pasado 26 de abril. Ademais, haberá campos de traballo centrados no Camiño de Santiago en Rois, Ourense, O Pino e Fisterra, que en total sumarán 154 prazas.

Voluntariado sanitario e proxecto "Eu Camiño"
Ao voluntariado local, da sabedoría e aos campos de traballo, hai que engadirlle o voluntariado sanitario. Máis de cen alumnos de Medicina e Enfermaría da Universidade de Santiago de Compostela incorporaranse nos meses de verán como voluntariado sanitario. Realizarán o seu labor nos centros de saúde de atención primaria do Camiño Francés. Para poder realizar este servizo, realizaron un cursos de formación teórico-práctico de 90 horas.

Pola súa parte, o proxecto Eu Camiño constitúe a primeira ocasión en que voluntarios internacionais participarán no Ano Santo Xacobeo, o que garante a atención aos peregrinos en diferentes idiomas ao longo do Camiño Francés. Son un total de 30 persoas procedentes de 19 países (Austria, Bélxica, Estonia, Finlandia, Francia, Alemaña, Grecia, Hungría, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Holanda, Noruega, Malta, Polonia, Portugal, Reino Unido e Romanía).

Todos eles están xa incorporados aos albergues do Camiño Francés. En Lugo están despregados nos de O Cebreiro, Triacastela, Sarria, Portomarín e Palas de Rei. Fundamentalmente, colaboran en labores de información ao peregrino e de difusión da ruta e dos seus recursos. Previamente, teñen realizado un período de formación especializada. A súa estadía prolongarase ata setembro.
 

 

Ir atrás    Ir arriba