Beatriz Mato e Roberto Varela reciben aos voluntarios europeos que levarán a cabo tarefas de apoio e información no Camiño de Santiago PDF Imprimir
Martes, 06 Abril 2010 16:28
A conselleira de Traballo e Benestare o conselleiro de Cultura e Turismo participaron en Santiago no acto de benvida. Os participantes realizarán durante o mes de abril un curso de formación, que inclúe o percorrido dun tramo do Camiño. A súa experiencia durará sete meses, polo que rematará en outubro. Os voluntarios, de entre 18 e 30 anos, proveñen de 18 países europeos distintos.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o titular de Cultura e Turismo, Roberto Varela, recibiron hoxe aos 30 voluntarios europeos que desenvolverán, ao longo dos próximos sete meses, tarefas de apoio, información e acollida aos peregrinos ao longo do Camiño de Santiago.

No acto, que tivo lugar en Santiago de Compostela, tamén participaron o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o xerente da S.A de xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos.

Durante a súa intervención, a conselleira agradeceu a todos os voluntarios a súa participación e sinalou que tanto eles, como o resto de voluntarios que participan no Camiño, "repetirán a vocación solidaria dos seus devanceiros, que fixeron o mesmo ao longo do tempo: axudar, compartir, facer camiño". Ademais, Mato explicou que a Xunta está xa a impulsar e continuará fomentando a solidariedade a acción voluntaria.

Pola súa banda, Varela destacou que a presenza dos voluntarios "contribuirá a mellorar a asistencia ao peregrino" e dará así "continuidade á milenaria tradición xacobea, feita de contacto intercultural e enriquecemento mutuo". Este "enorme capital humano" permitirá, segundo sinalou, "seguir facendo da calidade humana e a atención personalizada os elementos diferenciais de Galicia como destino espiritual cultural e turístico neste Ano Santo".

O proxecto "Eu Camiño" é de carácter europeo, enmarcado no programa Xuventude en Acción, que dotará ao Camiño por primeira vez dun voluntariado internacional, que garantirá aos peregrinos a atención en distintas linguas da Unión Europea.

Os 30 participantes que se incorporan oficialmente hoxe ao proxecto proceden dun total de 18 países: Alemaña (2 voluntarios), Austria (1), Bélxica (1), Estonia (2), Francia (1), Grecia (2), Holanda (1), Hungría (2), Italia (4), Letonia (2), Lituania (2), Luxemburgo (1), Noruega (1), Malta (1), Polonia (1), Portugal (1), Reino Unido (3) e Romanía (2).

Todos os voluntarios europeos _de entre 18 e 30 anos- participarán durante o mes de abril nun curso de formación que terá lugar en Santiago de Compostela, e que incluirá formación lingüística e formación técnica relacionada co Camiño de Santiago e coas actividades que van a desenvolver, así como sobre o propio programa de Xuventude en Acción.

Ademais, durante o período de formación, os participantes realizarán o tramo do Camiño de Santiago que une O Cebreiro con Santiago de Compostela. Neste sentido, Mato sinalou que só a través desta experiencia os voluntarios poderán saber que o Camiño "é moito máis que un reto físico, que transcende o relixioso e engrandece o espírito".

Unha vez que teñan rematada a súa formación, os 30 voluntarios distribuíranse ao longo do Camiño francés, nos principais puntos de afluencia de peregrinos. En concreto, colaborarán nos albergues de O Cebreiro, Triacastela, Sarria, Portomarín, Palas de Rei, Melide, Arzúa, O Pino e Santiago.

Desde este momento, os participantes europeos desenvolverán distintas tarefas. Deste xeito, apoiarán a acollida de peregrinos nos albergues, axudando aos hospitaleiros na súa recepción e distribución; realizarán un servizo de información sobre o Camiño de Santiago, tanto de forma directa aos peregrinos como de xeito indirecto (edición de folletos en distintas linguas); e colaborarán en actividades de difusión do Camiño de Santiago, dando a coñecer os outros trazados e recollendo datos e materiais para logo difundir o Camiño nas súas localidades de orixe.

Ademais, ocuparanse de desenvolver actividades interculturais, nas que poidan falar dos seus países de orixe á xente das súas comunidades, a través de presentacións, documentais, películas ou obradoiros. Tamén se encargarán de difundir o programa de Xuventude en Acción entre os peregrinos e entres os mozos e mozas das súas localidades de acollida.

Así, co paso do tempo, os voluntarios levarán a cabo un proxecto persoal de acordo coas súas preferencias, capacidades e habilidades.

É preciso lembrar que os voluntarios terán un coordinador local que lles proporcionará toda a información e asesoramento que precisen, e ademais contarán cun titor de apoio persoal. A isto hai que sumar as xuntanzas periódicas que se realizarán para comparar e avaliar a marcha das actividades.

Finalmente, no mes de outubro, realizarase en Santiago unha avaliación final do proxecto e elaborarase o material recollido polos voluntarios (fotografías, vídeos, anécdotas, entrevistas...) co fin de que sirvan de promoción do Camiño de Santiago nos seus países de orixe.
 

 

Ir atrás    Ir arriba