160.000 euros para fomentar a realización de obradoiros, campañas e clubes de lectura en asociacións PDF Imprimir
Martes, 23 Marzo 2010 14:59
A Xunta vén de aprobar a convocatoria de subvencións 2010 a asociacións e institucións culturais para a realización de talleres e campañas de animación lectora así como para creación de clubs do libro.

A orde que regulará estas axudas será publicada no DOG nos próximos días, así que atentos.

A Consellería de Cultura e Turismo aprobou a convocatoria para a concesión de subvencións a asociacións e institucións culturais de cara á realización de actividades de promoción da lectura e a creación de clubs de lectura durante 2010. Mediante esta orde de subvencións, que será publicada nos próximos días no Diario Oficial de Galicia, a Consellería de Cultura e Turismo concederá a ás institucións culturais a través da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura un importe máximo de 160.000 euros, dotando aos beneficiarios dun máximo de 10.000 euros por axuda. Deste xeito increméntase en case 38.000 euros a dotación das subvencións outorgada no 2009 que foi dun importe total de 122.200 euros.

A dotación das axudas será destinada ao financiamento de talleres e campañas de animación lectora, a creación de clubs do libro, a publicidade das actividades obxecto de subvención, a adquisición de exemplares para o funcionamento dos clubs, gastos de persoal para dirección e coordinación das actividades e aluguer de servizos técnicos para a realización das actividades. Poderán acollerse á orde de subvencións as asociacións e institucións sen ánimo de lucro, legalmente constituídas e inscritas nos rexistros correspondentes e con domicilio social en Galicia, inscritas, como tal, no censo de asociacións e entidades culturais da Consellería de Cultura e Turismo.

A concesión das subvencións será avaliada por unha comisión que valorará os expedientes de acordo con criterios como a creación de clubs de lectura estables, o mantemento de clubs de lectura xa existentes, o ámbito territorial de desenvolvemento do programa ou actividade, o nivel de autofinanciamento e a capacidade de incidencia naqueles colectivos con baixo índice de lectura.
 

 

Ir atrás    Ir arriba