| Santiago acollerá o I Encontro Internacional de voluntariado xuvenil |
|
|
| Mercores, 25 Novembro 2009 12:53 |
|
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe o programa de accións que o Goberno galego levará a cabo co gallo do Día Internacional do Voluntariado o próximo 5 de decembro
O representante da área autonómica anunciou que durante o próximo verán organizaranse diversos campos de traballo con motivo do Xacobeo ao longo dos percorridos dos diversos camiños A Consellería de Traballo e Benestar asinou un convenio coa Universidade de Santiago para ofrecer formación aos estudantes de Medicina e Enfermaría para que sirvan de apoio sanitario no Camiño de Santiago no verán A Xunta celebra o próximo venres 27 de novembro o I Encontro Internacional de Voluntariado Xuvenil en Santiago co gallo do Día Internacional do Voluntariado o próximo 5 de decembro. O director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, explicou hoxe os detalles desta iniciativa e doutras actividades que desenvolverá o departamento autonómico para conmemorar a xornada do día 5. En primeiro lugar, Rodeiro concretou que o I Encontro Internacional de Voluntariado Xuvenil está dirixido a entidades de acción voluntaria xuvenil, a asociacións xuvenís, a persoal das oficinas municipais de información xuvenís (OMIX) e voluntarios en xeral. "Pretende ser un foro de intercambio de ideas no eido do voluntariado", apuntou. Rodeiro destacou que moitos dos participantes forman parte do programa Xuventude en Acción, unha iniciativa que considerou que será "o modelo de futuro no eido do voluntariado". Desta maneira, os participantes galegos, máis de 40 mozos e mozas, compartirán as súas experiencias con persoas voluntarias que chegarán de máis de 15 países de Europa: Lituania, Holanda, Italia, Francia, Grecia, Romanía, Polonia, Bulgaria, Hungría, República Checa, Letonia, Alemaña, Bélxica, Turquía e Portugal. O congreso iniciarase cunha conferencia sobre 'O voluntariado como acción social', que impartirá o presidente do protectorado xitano, Santiago González Avión. Así mesmo, mostrarase unha exposición dos membros do Servizo de Voluntariado Europeo (EVS) e organizaranse diversos obradoiros, entre os que destaca unha iniciativa centrada no voluntariado no Camiño de Santiago. Ademais, abordaranse medidas de fomento do asociacionismo no eido do voluntariado. Rodeiro explicou tamén o resto do programa que desenvolverá a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado con motivo do Día Internacional do Voluntariado. Así, o 30 de novembro terá lugar unha visita guiada ao centro Don Bosco co obxectivo de coñecer o funcionamento dunha entidade de acción voluntaria pioneira en Galicia. Participarán máis de 40 mozos e mozos de sete países europeos. |




