| Mais de 30 asociacións infórmanse sobre as vantaxes da rebaixa fiscal para o fomento da vivenda |
|
|
| Mercores, 19 Agosto 2009 08:31 |
|
Representantes e directivos de máis de 30 asociacións xuvenís de Galicia reuníronse en Santiago co director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, para coñecer os obxectivos e o alcance da rebaixa fiscal para o fomento da vivenda, unha medida que foi aprobada o pasado martes no Parlamento. O representante da área autonómica recibiu aos responsables dos colectivos despois de que solicitaran información sobre esta acción nos diferentes centros que posúe a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Fundamentalmente, pediron coñecer en profundidade as características da norma e cal será a súa aplicación práctica nos supostos de adquisición dunha vivenda por parte da mocidade. Así, Rodeiro explicou os pormenores da medida. Destacou que a reforma do imposto suporá un aforro de máis de 6.600 euros na adquisición dunha vivenda de 180.000 euros para unha parella de mozos formada por menores de 36 anos cunha renda anual inferior a 30.000 euros por cada un e un patrimonio conxunto que non supere os 250.000 euros. Neste sentido, Rodeiro sinalou que nesta situación atópanse a gran maioría da poboación xuvenil. O director xeral de Xuventude e Voluntariado tamén informou de que a modificación fiscal supón pasar do 7% ao 4% o gravame por transmisións patrimoniais- unha rebaixa do 43%-, mentres que as taxas por actos xurídicos documentados baixará entre un 50 e un 66% dependendo dos casos. Rodeiro mostrouse convencido de que a rebaixa fiscal servirá para reactivar o mercado da vivenda en Galicia, que é un dos sectores que máis está a notar a crise económica. "Esta medida forma parte dun conxunto de actuacións que está a promover a Xunta para dinamizar a economía e apoiar á mocidade e ás familias", resaltou. |




